Cando rematamos algo, unha actividade, é costume recoller.
Despois de cociñar, lavamos a louza;
despois de pintar, limpamos os pinceis e a pintura derramada…
Despois dunha festa na casa, recollemos,
a pesares de que a desorde lémbranos da boa experiencia.
Despois do sexo, adecéntase a cama, apáñanse as sabas;
dependendo da ocasión, ás veces mesmo hai que lavar a roupa da
cama. De todas formas, ás veces non gusta. Non queremos.
O recendo do suor e os corpos cansos, unha suposta suciedade que
noutra situación sería desagradable, enchenos de vida.
Fainos pensar n’outra persoa, no momento vivido e,
máis importante, compartido.
Así e con todo, recollemos.
Por que?
Se deixamos que todo fique como está, dificulta o futuro,
non?
Precisamos pratos limpos, o fedor do lixo molesta,
non podemos vivir sempre na lembranza, etc.
E cando rematamos de amar? Non de sentir amor, non,
de amar.
Que facemos? recoller?
O resto, o refugallo de amar, non é… o amor mesmo?
Eu non quero coller ese amor
e varrelo fóra. Se debería ou non, xa non sei.
Pero négome a abrir o cubo do lixo
e tirar con este meu amor.